No
Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no serán do sábado 17 de novembro o ditame da trixésimo quinta edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais.
Baixo o lema Galicia como tarefa, recollido dun título de Valentín Paz Andrade, xuntáronse máis de trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Cultura; Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de cultura; Valentín Gómez, secretario xeral de política lingüística; Ana Isabel Vázquez, delegada de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra; Santiago Domínguez Olveira, voceiro do BNG no concello de Vigo; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club de Galicia e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros.
Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Comba Campoy, saudando aos asistentes e lembrando a importancia desta triséximo quinta edición na que a Fundación edita o libro 35 anos de cultura, así como facendo un chamamento á valentía e sabedoría de nós os Galegos para facerlle fronte á realidade actual.
- O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Ana Romaní Blanco, Luciano Rodríguez Gómez, Olivia Rodríguez, Fina Casalderrey Fraga, Isabel Mociño González, Xavier Lama e Blanca Roig Rechou, que actuou como secretaria, acordou outorgar por unanimidade o premio a Fantasmas de luz de Agustín Fernández Paz publicado por Edicións Xerais de Galicia. O xurado apuntou como razóns para premiar esta obra “a súa capacidade de enfiar cine e literatura na arquitectura da novela, unha das marcas poéticas do autor; o tratar problemas da sociedade de hoxe que levan á invisibilidade dos excluídos, aínda que a historia se sitúe nunha etapa anterior á crise; o facelo con humor, fina ironía e unha ollada atenta aos problemas profundos da nosa sociedade; e, por último, pola súa mensaxe final que, malia as denuncias, está cargada de optimismo e esperanza nun futuro mellor.
- O xurado da modalidade de Investigación, formado por Jorge Mira Pérez, Xosé Manuel Beiras Torrado (que desculpou a súa ausencia), Mercedes Brea López, María del Mar Lorenzo Moledo, Ricardo Garcia Mira, José María Barja e Ernesto Sánchez Pombo, que actuou como secretaría, acordou outorgar por unanimidade o premio á edición de Regreso a Compostela de Edith Wharton preparada por Patricia Fra López editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago.
- O xurado da modalidade de Música, formado Rodrigo Romaní, Javier Otero Neira, Abe Rábade, Marión Sarmiento, Carlos Villanueva, Maximino Zumalave e Anxo Tarrio Varela, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio por unanimidade á Asociación Galega de Compositores.
- O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por por Manuel Rosales, Iago Martínez, Anxos Sumai, Carme Vidal, María Xosé Porteiro, Germám Ermida e Xavier Senín, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio á Asociación O Sorriso de Daniel.
- O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado Anxo Cabada, Suso Cubeiro, Álvaro de la Vega, Iñaki Martínez Antelo, Asunta Rodríguez, Teresa Táboas e Charo Portela, que actuou como secretaria, acordou tras recoñecer todas as propostas achegadas polos membros do xurado como de grande valor, outorgar por unanimidade o premio a Carmen Nogueira.
- O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado Isabel Blanco, Mariana Carballal, Miguel Anxo Fernández, Gustavo Pernas, Mamen Quintas, Xesús Ron e Inma López Silva, que actuou como secretaria, acordou por unanimidade outorgar o premio a Xosé Manuel Olveira “Pico”.
Vigo, 17 de novembro de 2012
O
venres 24 de agosto, ás 20:30 horas, no Pazo de Torrado, Fefiñáns, Cambados, preséntanse as obras Locus Solus, de Raymond Roussel e Angel Esquire, de Edgar Wallace, publicadas en Hugin e Munin. No acto, organizado polas librarías Ramón Cabanillas e Contos, participan os tradutores Isabel Soto e Xavier Senín, xunto ao editor, Alejandro Tobar.
Crónica
da Homenaxe a Agustín Fernández Paz en Praza:
“(…) Os aloumiños abrollaron dende o preciso momento en que Rosa Aneiros se puxo ao outro lado do atril. Co seu saúda, arrancou unha homenaxe na que os amigos, os familiares e os compañeiros de xeración de Fernández Paz reivindicaron o seu esencial esforzo nos eidos da literatura, o ensino e a normalización da lingua. “Agustín é sementador e semente, arado e terra. Agustín é terra e sementa na terra con maiúsculas”, aclamou o escritor Paco Martín, pai literario do Ramón Lamote, personaxe coa que se bautizou a xeración dourada da literatura infantil e xuvenil galega. O escritor lugués foi o primeiro en subir ao escenario do Auditorio de Policarpo Sanz para gabar a figura de Fernández Paz, do que destacou o seu esforzo docente. “É un referente obrigado para chegar a unha escola que sirva de alicerce para unha Galicia mellor”, lembrou Paco Martín. (…)
“Ti empeñácheste na dignificación da literatura infantil e xuvenil, de sacala da invisibilidade, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras”, asegurou o tradutor e profesor Xavier Senín, quen chegou a designalo como “embaixador da nosa identidade”. Pola súa banda, Xosé Lastra, de Nova Escola Galega, encargouse de lembrarlle o auditorio o papel desenvolvido polo homenaxeado na normalización da lingua no ensino. “Tiñamos que facer algo para que a nosa lingua tivese o espazo axeitado no ensino. Fixemos un longo camiño de normalización até chegar a estes tempos, que se volveron nefastos”, asegurou.
Xabier P. DoCampo, quen pasou todo o acto centrado na organización, incidu no carácter nacional da homenaxe organizada por ProLingua. “É un acto nacional porque estamos aquí en representación da nación. Contigo, Agustín, somos nación. O que facemos aquí contigo é facer nación”, asegurou un DoCampo cuxo discurso, aínda que breve, foi dos máis significativos. (…)”
O
luns 23 de abril, ás 19:30 horas, no Fogar de Santa Margarita da Coruña (Rúa Valle-Inclán, 1-3), terá lugar un acto de homenaxe ao escritor e exprofesor desta institución, Agustín Fernández Paz. Haberá unha mesa redonda sobre O Fogar e a contribución a renovación pedagóxica, dirixida por Antón Costa, coa intervención de J. Antonio Vázquez Cabarcos, Andrés García Vilariño, Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Manuel Bragado Rodríguez, Alfredo Haz Garrido e Vicente Veiga Doldán, pechándose o encontro coa homenaxe e recoñecemento a Agustín Fernández Paz, coa participación de Mini e Mero, mestres e creadores da Quenlla e Xavier Senín.
“Rodeado
de amigos, admiradores e lectores Paco Martín (Lugo, 1940) recibiu a homenaxe da literatura galega no Salón do Libro Infantil e Xuvenil que anualmente se celebra en Pontevedra. O sábado o salón clausurou a súa XIII edición (12+1). “Aquí estamos a xeración de Ramón Lamote”, anunciaron Xabier P. Docampo e Agustín Fernández Paz, chairegos os dous, mantedores e presentadores do acto, aludindo á obra seguramente máis popular do autor, Premio Nacional de Literatura Infantil en 1986. A xuntanza celebrouse a mediodía no Pazo da Cultura de Pontevedra e reuniu despois a amigos e seguidores de Paco Martín e da súa obra nunha comida de amizade. Entre os asistentes, ademais da Editorial Galaxia, estaban autores como Fina Casalderrey, Gloria Sánchez, Anxos Sumai, Bernardino Graña, Mariano García, Xosé Neira Vilas, Xavier Senín, ou ilustradores como Kiko da Silva. Mini e Mero cantaron a Cunqueiro e a Celso Emilio Ferreiro nas sobremesas.
“¿Que vou dicir eu, rodeado destes chairegos que me acompañan dende sempre?”, comentou o homenaxeado logo dos discursos de celebración. “Vimos facendo camiño xuntos. Compartimos denmde hai unha chea de anos historias, soños, ilusións… Este país tamén o facemos con palabras e, sobre todo, co afecto e o recoñecemento dos lectores. Os lectores son o corazón da literatura. Baixar dende as terras de Lugo á luz das Rías é sempre unha alegría, e esta cita pontevedresa é algo do que debemos sentirnos orgullosos. Que dure…”. (…)” Vía Galaxia.
“A
Fundación SM acaba de publicar o seu Anuario Iberoamericano sobre el Libro Infantil y Juvenil 2012, que inclúe un capítulo dedicado ao sector en Galicia, asinado por Isabel Soto e Xavier Senín. Nel destácase que, segundo datos do Comercio Interior do Libro de Galicia do 2010, os libros para nenos e mozos en galego achegaron 491 títulos, un incremento lixeiro con respecto ao 2010. No apartado negativo, tamén se informa da repercusión dos recortes institucionais no sector do libro, que ocasionou a cancelación de certames como o Xuventude Crea, o peche de medios de comunicación e «a evidente diminución da presenza da lingua galega no ensino». No apartado positivo, os autores sinalan a vitalidade de asociacións e de bibliotecas, e o incremento de recursos en Internet.” Vía La Voz de Galicia.
O
domingo 29 de xaneiro, ás 19:30 horas, na Biblioteca do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n), preséntase o libro O soldadiño de chumbo, de Hans Christian Andersen, adaptado por Xavier Senín, e publicado en Galaxia. No acto, onde se proxectará igualmente a curta que acompaña a publicación, intervirán Virginia Curiá, Cristina Ameijeiras e Francisco Castro.
‘”Polo
seu compromiso cos valores humanos universais e o seu papel determinante na construción dunha literatura infantil e xuvenil en lingua galega”, Agustín Fernández Paz é o gañador do VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil, dotado con 30 mil dólares, que será entregado no marco da 25 Feira Internacional do Libro de Guadalaxara. Nacido en Vilalba en 1947, Agustín Fernández Paz é autor de máis de 45 obras dirixidas aos lectores infantís e xuvenís. Os seus libros, escritos orixinalmente en galego, tradúcense habitualmente ao español, o catalán e o eúscaro, ademais do coreano, o portugués, o francés, o árabe e o italiano. O xurado que lle outorgou o premio estivo integrado polos escritores e académicos Verónica Abud, Julia Calzadilla, Teresa Colomer, Alicia Molina e Xavier Senín, quen destacaron do autor “a súa extensa obra narrativa, que aborda unha gran diversidade de xéneros e temas” e o feito de que “constrúe personaxes entrañables […] e ambientes onde se destaca a presenza do misterio na vida cotiá”. Fundado en 2005 co obxectivo de impulsar a literatura infantil e xuvenil en Iberoamérica, o Premio SM é convocado anualmente pola Fundación SM, o Centro Rexional para o Fomento do Libro en América Latina e o Caribe (CERLALC), a International Board on Books for Young People (IBBY), a Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI) e a Oficina Rexional de Educación para América Latina e o Caribe da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO/OREALC), coa colaboración da FIL Guadalaxara. Os gañadores anteriores foron Juan Farias, Montserrat do Amo e Gili, Bartolomeu Campos de Queirós, María Teresa Andruetto e Laura Devetach. A entrega do VII Premio Iberoamericano SM da Literatura Infantil e Xuvenil será o martes 29 de novembro en Guadalajara.’ Vía Galaxia. Tamén reseñado en Cultura Galega, Xerais, Baía, AGE, Galiciaé, La Voz de Galicia, La Opinión, El País (Galicia), Xornal, Galicia Hoxe, Portal Galego da Língua e Mesa pola Normalización Lingüística.
Reportaxe
de Santiago Jaureguizar en El Progreso: “(…) A directiva da Fundación Premios da Crítica de Galicia renovada presentouse o xoves 4 Santiago. [Bieito Ledo é presidente], Antón Pulido pasou a ser vicepresidente, encargándose a Manuel Bragado a secretaría. Os outros cargos son vicesecretaría, Xavier Senín; tesourería, Anxo X. Rajó, e vocalías, Comba Campoy García, María do Cebreiro, Víctor Fernández Freixanes, María López Sández, Inmaculada López Silva, Marcos Lorenzo, Charo Portela Yáñez, Blanca-Ana Roig Rechou, Ernesto Sánchez Pombo, Antón Sobral e Anxo Tarrío Varela. Un total de 42 persoas integraran os xurados de Creación Literaria, Ensaio, Investigación, Música, Arte e Iniciativas Culturais. Terán a potestade de designar o nome do Galego Egrexio.” A nova recóllese tamén en Cultura Galega.