“Onte 1825: Aforismos do riso futurista presentado en Moito Conto”, por Manuel Bragado

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Case un cento de persoas participaron o martes 7 na presentación de Aforismos do riso futurista na libraría Moito Conto da Coruña. Antes que dezaoito dos autores e autoras da obra lesen os seus aforismos, interviron Francisco Pillado e Xavier Seoane, os coordinadores dun proxecto que pretende promover o xénero do aforismo na literatura galega. Pillado lembrou a presenza de aforismo nas obras de clásicos como Shakespeare, Valle Inclán ou Oscar Wilde e a escasa presenza na literatura galega de libros de aforismos coas honrosas excepcións dos de Xavier Seoane, Arca cotidiana. Irispaxaros (1984) e A rocha imantada (2009).
Pola súa banda, Seoane explicou que o libro naceu do chamamento que se fixo aos membros da AELG de promover o xénero do aforismo en galego: “pedimos que se escribisen até un máximo de trinta aforismos que non pasasen das tres liñas, sen ningunha outra limitación temática nin formal”. “Ao noso chamamento responderon 48 autores e autoras. O resultado é un libro moi ameno e variado a nivel estético, conceptual e formal. Hai algúns textos máis achegados ao xénero poético e outros ao narrativo. Sobrancea a temática política, social e histórica, expresión da preocupación polo momento de perplexidade e de gran perigo histórico que vivimos”. “O aforismo é un xénero aditivo, que vai moito co espírito do noso tempo. Nunha frase pode condensarse toda unha visión do mundo. Vivimos un gran momento aforístico, aínda que hai un risco de que caiamos na banalidade. O libro que hoxe presentamos é unha colección aberta que abre un camiño para a publicación doutras na nosa lingua”.”

A Coruña: presentación de Os aforismos do riso futurista

Nesta festa do aforismo participarán Francisco Pillado, Xavier Seoane, Manuel Bragado e unha representación dos autores e autoras: Lino Braxe, Tucho Calvo, Lois Diéguez, Estíbaliz Espinosa, Francisco X. Fernández Naval, Alfredo Ferreiro, Rafael Lema, Siro López, Olga Patiño, Ánxeles PenasFrancisco Pillado, Gustavo Pernas, Henrique Rabuñal, Claudio Rodríguez Fer, Xavier Seoane, Dores Tembrás, Ramiro Torres e Fidel Vidal.

Entrevista a Xavier Seoane

EntrevistaXavier Seoane a Xavier Seoane na Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– Xavier Seoane (XS): Non é fácil definir. E toda definición ten limitacións. Mais eu creo que a literatura, como a poesía, é unha actividade humana que, sustentada na palabra, é capaz de ensanchar a experiencia, o coñecemento, a vida, o horizonte do que somos… Sen as artes seriamos moitísimo máis pobres. A palabra é unha creación abraiante. Que xurdise esa realidade virtual tan portentosa, tan incrible… é un feito certamente único, singular. Unha alquimia marabillosa, malia a súa inevitable imperfección, ás súas limitacións substanciais.
O problema é que a literatura está moi marxinada, hoxe en día, no ensino, e, xa que logo, un teme de que o vaia estar, tamén, na vida. No ensino está marxinada pola ensinanza da lingua, do estritamente lingüístico. Incluso, en gran parte dos exames de selectividade de Lingua e Literatura poñen artigos de xornal, e apenas de narrativa, poesía, teatro, ensaio… É como se se lle fuxise á literatura. Como se producise medo, ou non fose “útil”. O cal non quere dicir que o xornalismo non poida ser, como acontece en moitas ocasións, literatura, e alta literatura. Pero en xeral o feito é expresivo do pouco que ocupan nos temarios dos nosos libros a lectura directa da novela, a poesía, o teatro, o ensaio, o aforismo… e así van as cousas nas conciencias da xente e na vida cultural. (…)
– P: Que visão tens sobre a literatura galega?
– XS: A literatura galega non a vexo mal. O que boto máis en falta é certo filtro, tanto nas editoriais como na crítica, nas recensións, nos balances, nas análises dos historiadores da literatura… Creo que non todo vale. E o mercado, quéirase ou non, pesa moito. E as tendencias e as modas. E vexo moito problema á hora de editar poesía, ensaio, teatro, diarios… sobre todo os máis novos, aínda que non só eles.
O que me preocupa é a progresiva marxinación, o silencio cada vez maior sobre a nosa literatura e cultura en xeral nos medios de comunicación. Hai un desexo de que a cultura do país non impregne ás súas xentes, de mantela nun gueto. E creo que cada vez ese feito é máis real e acada o seu obxectivo dunha maneira absoluta, marxinativa e destrutiva. A nosa cultura vai por un camiño acelerado de constituírse marxinal no seu propio territorio. Os creadores xa o somos hai tempo, porque os medios decidiron silenciarnos. A condición de “estranxeiros” na propia terra é compartida por moitísimos creadores galegos de moi diversas artes e ámbitos. É unha actitude consciente, constante e eficaz do “Poder” e dos seus medios de dominación de masas.
Unido a isto está a cuestión da lingua, á que vexo moi mal. Pois, de seguiren así as circunstancias, váisenos… E isto nun tempo disque “ilustrado” e cun presidente da Xunta que leva un nome seica de estirpe ilustrada: nada menos que “Feijoo”. Pois ben, neste momento, a lingua e a cultura do país están a recibir un trato de estranxeiros absolutos no seu propio territorio, tanto desde o poder político e económico como desde os medios. E a lingua e a cultura pertencen a todos. Son de todos. Constitúen un patrimonio cultural, vital, lúdico, pracenteiro, identificador e enriquecedor impresionante. Mais temo que, de seguirmos por este camiño desilustrado e destrutivo, de devalo histórico, lingüístico e cultural, acabemos por ser en non moito tempo un apéndice do nada. (…)”

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do venres 5

OFeira do Libro da Coruña 2016 cartaz venres 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:00 h. Xavier Seoane asina exemplares das súas obras na caseta da Libraría Xiada.
19:00 h. Estíbaliz Espinosa asina exemplares de Caer de cu polo universo, publicado por Apiario, na caseta da Berbiriana.
20:00 h. Concha Blanco e María Canosa asinan Será correcto?, publicado por Hércules de Edicións, na caseta da Libraría Couceiro.
20:00 h. Carlos López asina exemplares da súa obra na caseta de Edicións Embora.

Comeza a Feira do Libro da Coruña

DesdeFeira do Libro da Coruña 2016 cartaz Brétemas, de Manuel Bragado:
“(…) A segunda das presentacións foi a de Todos somos Ulises, o libro de ensaio sobre a educación de Xavier Seoane, que constituíu unha homenaxe á figura de Agustín Fernández Paz como mestre e pedagogo. O presentador, o escritor Xabier DoCampo comezou as súa intervención sinalando que “esta é a obra dun home que ama con paixón todo o que fai, a súa profesión de profesor, a súa vocación de poeta, de aforista ou de narrador, sendo a educación e a lectura dúas das súas paixóns”. DoCampo definiu Todos somos Ulises como “libro denso, profundo, pensado non só para profesores e pais, tamén para toda a xente que pensa que as cousas na educación poden facerse mellor”. Xustificou despois o título e o subtítulo (“se non é democrática nin humanista é instrución, non hai educación”), xa que “para Seoane a educación é un camiño, o de regreso de Penélope e Argo, este é o libro dun filósofo sobre os camiños que conducen á sabedoría e o coñecemento”. (…)
Xavier Seoane recoñeceu que “este non é libro coxuntural, razón pola que non utilicei cifras sobre o estado da educación, que sempre son penosas”, “quixen facer un libro de educación máis sobre os fins ca sobre os medios, xa que estou convencido que na educación a tecnoloxía somos nós, os fins somos nós”. “Estase traballando erradamente xa que o que pretenden as políticas ultraliberais é preparar profesionais, unha concepción economicista, unha forma restrictiva desalmada, carente de valoree humanos, que pretende formar aos alumnos só nas destrezas bñasicas, mais onde non hai interes para espesar o coñecemento”. Lembrou Seoane que “xa Habermas dicía que o círculo da vida é moito máis grande que o círculo de ferro da empresa”. Seoane insistiu na súa defensa da excelencia para todos, “hai que darlles elevados niveis de ensino a toda a xente, no marco dunha formación xeralista”. Rematou as sáus palabras reivindicando o papel do profesorado, “acutalmente laminado, como todas as persoas con pensamento”: “Vexo aos profesores sós, non se lles escoita, a pesar de que son o axente fundamental da educación”.
A terceira das presentacións foi a d´As horas roubadas, a novela de María Solar, O presentador, o escritor e xornalista Luís Pousa, destacou da obra que “estamos diante dunha novela de formato clásico, moi ben construída, unha historia dun amor perdurable, maduro, de vellez que se desenvolve a ambos lados de Galicia, retratando moi ben un tempo, o do ano 1979, onde se respiraba a atmosfera dun país algo cutre e miserable, afastado do modelo típico da santa transición edulcorada dos Alcántara”. Luís Pousa salientou despois que “non cría no salto entre os xéneros nin nas etiquetas entre xéneros, como demostraba os libros de Casares ou Agustín Fernández Paz que navegaban entre as etiquetas da literatura infantil e xuvenil e da chamada adulta como acontece agora con María Solar, todo é literatura”. (…)”