Manuel Bragado renova como presidente da Asociación Galega de Editores

“A Asemblea de socios da Asociación Galega de Editores reunida en sesións ordinaria e extraordinaria o 28 de xuño nas instalacións de Edicións Sotelo Blanco, acordou a renovación parcial da súa directiva e a incorporación como novo socio do selo compostelá Dardo Editorial, especilizado en arte e arquitectura, que pasa a formar parte da entidade gremial representativa do conxunto do sector editorial galego. Manuel Bragado fixo un repaso pola actividade dos dous anos de mandato e tamén manifestou que a nova directiva inicia unha nova etapa, convocando a próxima directiva para o 10 de xullo, data na cal se revisará o plan semestral, avanzarase na incorporación de propostas ao documento estratéxico do sector e se programarán diversas accións de promoción e formación. A directiva que dirixirá a entidade durante os dous próximos anos estará formada por Manuel Bragado Rodríguez, Presidente; Belén López Vázquez, Vicepresidenta; Laura Rodríguez Herrera, Secretaria; Xelasio Suárez Santiso, Tesoureiro; Xulio Amigo Estrada, Vogal coordinador de Culturgal; Xosé Aldea Moscoso, Vogal; Benigno Paz Ramos, Vogal; Antón Lado Lago, Vogal e Francisco Sánchez, Vogal.” Vía AGE.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vigo: actividades do sábado 2 e domingo 3 na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta do venres 1 ao domingo 10 de xullo, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas.

As actividades máis destacadas do sábado 2 son as seguintes:
- 20:30 h. Presentación do libro infantil Alba, a princesa das sete coroas, de Amalia Pérez Otero, con ilustracións de Nieves González Pardo, publicado por Ir Indo Edicións. Xunto coa autora, participará no acto Xelasio Suárez Santiso, director da editorial. Ao remate, a escritora asinará exemplares do seu libro.

E as do domingo 3 son estas:
- 19:00 h. Presentación do libro infantil O camiño dos druídas, de Xosé Lois Ripalda, publicado por Ir Indo Edicións. Xunto co autor, participará no acto Xelasio Suárez Santiso, director da editorial. Ao remate, o autor asinará exemplares do libro.
- 20:00 h. Presentación do libro Guía didáctica dos instrumentos galegos, de Moisés Quintas, publicada por Ouvirmos. Xunto co autor, participará no acto o mestre artesán Antón Corral e José M. Aldea, en representación da editorial.
- 21:00 h. O humor na Feira do libro. Cunqueiradas, divertido monólogo do actor e autor Cándido Pazó, baseado en textos de Álvaro Cunqueiro.

Chuzame! A Facebook A Twitter