Entrega do I Certame Vilariñas 2017

Nova e fotografía enviadas por Martiño Maseda Lozano:
“O pasado sabado, 2 de decembro, na igrexa dos Vilares, ese home coñecido coma Pepe do Vilariño, ou mellor dito, ese gran poeta chamado Xosé María Díaz Castro, estaría compracido co acto que argallou a boa xente da NPG Nova Poesía Guitirica e dos Vilares, Lareira de soños para celebrar a entrega do I Certame VILARIÑAS 2017, e que, asemade, serviu para honrar a súa persoa.
Ante case un cento de persoas alí presentes (entre elas familiares do propio Xosé María Díaz Castro), sucedéronse distintas intervencións, ás que foi dando paso o poeta vilalbés Martiño Maseda. A primeira correu a cargo de Regina Polín como alcaldesa de Guitiriz; seguida por Alfonso Blanco Torrado, ben coñecedor da persoa do poeta vilarego, e en representación de Xermolos, como depositarios do legado da súa obra, o que os levou a teren emprendido iniciativas con resultados positivos, como a declaración do Día das Letras para o poeta do Vilariño no 2014 ou a fase inicial de recuperación da súa casa natalicia.
Tras as palabras de Alfonso Blanco Torrado, dous integrantes do grupo poético “Voces Poéticas do Mandeo” (Moncho Bouzas e María Pereira) deleitaron aos asistentes co recitado duns poemas.
No cerne cenital do acto tivo lugar o momento da entrega dos galardóns aos premiados na 1ª edición do Certame VILARIÑAS. Ditos galardóns consistiron nunha peza única elaborada pola artista da Costa da Morte, Viki Rivadulla. Comezou recollendo o seu premio o poeta naviego Toño Núñez, que coa vilariña “Abrín os ollos” acadou o terceiro premio, o cal lle foi entregado pola cantautora e profesora Sandra Tenreiro Doldán. Deseguido, tocoulle o turno a Pedro Rielo Lamela, quen non puido asistir, e levoullo no seu lugar Xelo Teijido, membro da NPG, o segundo premio pola vilariña “Gran carballo”. E xa para sentirse agasallada polo primeiro premio, grazas á vilariña “Teño un pintor”, acudiu a guardesa Andrea Araújo Alonso, que con grande ilusión recibiu a figura de Viki Rivadulla de mans de Antón de Guizán, presidente da Asociación Os Vilares, Lareira de Soños e membro da NPG.
Rematou o acto as verbas intensas e luminosas da integrante máis nova da Nova Poesía Guitirica NPG, Fátima Fernández.
A continuación, a festa poética proseguíu nun comedor do bar Korreo de Guitiriz.
Medre a Poesía!”

Ferrol: presentación de Ganduxando Vidas, libro homenaxe a Xaquín Campo Freire

Acompañando a Xoaquín Campo Freire, no Ateneo Ferrolán estarán Nieves Espiñeira, Carmen Solloso, Xoán Rubia Alejos e Julia Díaz Sixto. Colaboran neste acto: Asoc C. Xermolos; Irmande Manuel María, Ateneo Ferrolán e Club de Prensa de Ferrol.

Vilalba: Paseo dos Soños, para Mini e Mero, o sábado 18 de novembro

Meira: V Festa de Afirmación e Dignidade, o 23 de setembro

Teo: V aniversario de Avelino Pousa Antelo

O domingo 20 de agosto, ás 12:00 horas, na Casa do Concello de Teo, terán lugar os actos do V aniversario de Avelino Pousa Antelo.

PROGRAMA:

I. Casa do Concello de Teo.
* Benvida pola Concelleira de Cultura, Pilar Faxil.
* Saúda do Representante da A. C. Xermolos, Irmandade Manuel María e Irmandade Avelino Pousa, Alfonso Blanco Torrado.
* Intervención musical de Mini e Mero.
* Lectura da acta de concesión do Premio O Caxato de Avelino á familia de Valentín Arias.
* Intervén o Mantedor do Acto: Arlindo López Arias.
* Entrega do Premio por parte de Mini e Mero.
* Intervención da familia de Valentín Arias.
* Actuación musical de Mini e Mero.
* Intervención da familia de Avelino Pousa.
* Intervención Peche do Acto polo Alcalde de Teo, Rafael Sisto.

II. Xardín/Paseo Avelino Pousa, na Urbanización Os Verxeis.
* Actuación musical.
* Intervención en representación da A. C. Xermolos, Irmandade Manuel María e Irmandade Avelino Pousa, de Xosé Quintas Canella.
* Intervención familia de Avelino Pousa.
* Ofrenda floral a Avelino Pousa.

Estase programando un xantar e iso depende de quen se apunte. As persoas interesadas deben avisar en erdao@hotmail.com ou no teléfono 636032750.

Compostela: presentación de Cuntis na época romana, de Héitor Picallo