A
Feira
Galega das Artes Escénicas botou a andar en Santiago coa concesión dos premios de escrita dramática: o Álvaro Cunqueiro, o Barriga Verde (nas dúas modalidades) e o Manuel María, todos eles dotados con 6.000 euros e a posibilidade da súa publicación. Dolores Vilavedra, presidenta do xurado desta edición, fíxolles un chamamento ás editoriais para que continúen colaborando coa Agadic na edición destes textos que permitan «crear un corpus de literatura dramática». Despois, pasou a ler o fallo do xurado que lle concedeu, por maioría, o premio Álvaro Cunqueiro a Raúl Dans pola súa obra Chegamos despois a unha terra gris. Canda el Xavier Lama gañou o Manuel María por Os reloxos preguiceiros de Néboa, mentres que Xose Antón Neira Cruz e Inacio Vilariño fixéronse cos premios Barriga Verde para adultos e infantil, respectivamente.
Raúl Dans agradeceu o seu premio Álvaro Cunqueiro, recoñecendo que a súa obra fala dos medos e das frustacións. «O meu teatro peneira das zonas escuras do ser humano» apuntou ao tempo que denunciou que «un premio é a única forma de publicar e de chegar aos escenarios». O xurado recoñeceu da súa obra a súa «singular xenealoxía das mulleres», a sobriedade do seu texto e o tratamento non oportunista dun tema de actualidade. Xavier Lama, gañador do premio Manuel María apuntou que a súa obra, pensada para público infantil, fala «do concepto do tempo, dunha autoestrada infinita cada o nunca máis». O xurado recoñeceu a «orixinalidade do tema, a fantasía na concepción dos personaxes e a singularidade ontolóxica do mundo creado». A modalidade de adultos do Barriga Verde (teatro para monicreques) foi para Xosé Antón Neira Cruz (un autor que xa resultou premiado en numerosas ocasións nos certames convocados por Agadic) quen fixo un alegato do Mestre Mateo e que lle dedicou o galardón ao seu pai, finado recentemente. O xurado recoñeceu «a capacidade para demostrar que un motivo artístico tradicional, como é o Pórtico da Gloria, pode ser susceptible de tratamentos novidosos». Non estaba para recoller o seu premio Inacio Vilariño, de cuxa obra o xurado destacou «a frescura e a axilidade dos diálogos». A entrega dos galardóns rematou coa intervención de Juan Carlos Fasero, director de Agadic, desexando que os textos «cheguen pronto aos escenarios». Recollido tamén en Xornal, La Voz de Galicia e Galicia Hoxe.
Sarria, 14 de marzo de 2009
Reunidos na casa do Concello de Sarria os membros do xurado do IX Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño acordamos conceder o premio ao libro presentado baixo o lema: *Palabras para un baleiro*.
Neste libro atopamos unha reflexión profunda sobre o sentido da poesía como canle para entender a vida, para interpretar vivencias inefables. Un achegamento existencialista, case filosófico, na procura dunha expresión alén da propia poesía. Unha poesía esencializada con moito sentido do ritmo.
Aberta a plica da obra seleccionada, en acto público celebrado ás 13:30 horas, resultou ser o seu autor Baldo Ramos.
Xosé Antón Neira Cruz, Lucía Aldao, Pilar Pallarés, Xermán Arias (Presidente), María Casar (secretaria).