A escritora Ledicia Costas, Premio Lazarillo 2017

Desde Xerais:
“A escritora Ledicia Costas resultou gañadora do Premio Lazarillo de Creación Literaria 2017 que concede a OEPLI, Organización Española para el Libro Infantil e Xuvenil cunha novela titulada Plumas e unicornios, que publicará Xerais. O premio, elixido entre un total de 68 obras, foille concedido ex aequo canda a obra No te muevas musaraña, de Rafael Salmerón. O xurado estivo integrado por Xosé Antonio Perozo, copresidente da OEPLI, e por Nuria Ranz, Montse Pena, Arantxa Bea e Idoia Etxegoien, en representación das catro seccións territoriais da OEPLI; actuou como Secretaria, sen voz nin voto, Ana Cendán, Secretaria Técnica da OEPLI.
A novela de Ledicia Costas está ambientada no Londres victoriano e ten unha marcada estética steampunk. Un dos seus personaxes principais é Ágata, unha humana mecánica, e o seu robot Tic-Tac, que emprenden unha viaxe para salvarlle a vida ao máxico León, o seu grande amigo, sen saber que tras eles vai Jack o Destripador. Trátase dunha novela coral, onde o amor convive con sentimentos tan desgarradores como o odio ou a vinganza. Segundo o xurado, o texto crea un universo de fantasía orixinal poboada de poderosos personaxes. Unha representación da loita do ben o o mal nunha obra literaria extremadamente coidada. (…)”

Vigo: actividades do mércores 6 na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta do 1 ao 10 de xullo, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas.

As actividades máis destacadas do mércores 6 son as seguintes:
18:30 h. Programa infantil. CantacontosO bardo Abelardo. Contacontos musical a cargo de Servando Barreiro.
19:30 h. Charla coloquio do profesor Jorge Mira, arredor do seu libro A ciencia no punto de Mira, publicado por Auga Editora. Xunto co autor participarán no acto Martín López Nores e Xosé Antón Perozo. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares do seu libro.
20:00 h. Antonio García Teijeiro asinará exemplares dos seus libros Verbas de sal e Recendos de aire sonoro, publicados por Edicións Xerais, e do resto das súas obras.
20:30 h. Conversa co escritor Agustín Fernández Paz, arredor da súa novela Non hai noite tan longa, publicada por Edicións Xerais.