O xurado declara deserto o Blanco Amor de novela

Desde Galiciaé (foto: EP):
“O xurado do XXXVI Premio Blanco Amor de novela longa, reunido no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, acordou declarar deserta a presente edición.
A acta do xurado recolle que, unha vez concluída a deliberación, consideran que “ningún do vinte orixinais presentados alcanza a calidade literaria necesaria para ser premiado”.
“Sabedores do prestixio e traxectoria do galardón, somos conscientes de que un premio que leva o nome de Eduardo Blanco Amor debe procurar, como único obxectivo, a excelencia literaria”, apuntan.
O xurado estivo integrado por Luís González Tosar, presidente; Alba Cid Fernández, secretaria, e, como vogais, Xosé Carlos Caneiro, César Lorenzo Gil e Montse Pena Presas.”

Verín: actos destacados da Feira do Libro 2017

Do 31 de marzo ao 2 de abril terá lugar a Feira do Libro de Verín (na Praza da Mercede), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

Venres 31 de marzo
19:30 h. Inauguración da Feira. Pregón a cargo de Xosé Carlos Caneiro.

Sábado 1
18:00 h. Antón Riveiro Coello asina exemplares de A ferida do vento, publicado en Galaxia.
20:00 h. Presentación de O códice esmeralda, de Alberte Blanco, publicado en Xerais. Participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.

Xosé Carlos Caneiro: “Sigo escribindo sobre personaxes límite que viven en situacións límite”

Entrevista a Xosé Carlos Caneiro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que reunir textos tan diversos [A máscara de Ulises]?
– Xosé Carlos Caneiro (XCC): Hai dous motivos, o primeiro é xuntar a narrativa breve que fun facendo e ver como encaixa. O outro é que moitos deses textos corrían o perigo de perderse se non acaban nun libro.
– LVG: ¿Que encontrou ao colocalos xuntos nun volume?
– XCC: O primeiro foi unha evolución estilística. Hai unha gran diferenza de xeito de escribir aínda que os argumentos sobre os que escribo vanse mantendo: personaxes límite que viven en situacións límite. No libro evitei a orde cronolóxica para situar os relatos porque quería esa mestura de épocas e de estilos. (…)
– LVG: ¿Cales son os cambios?
– XCC: Estou escribindo con menos adxectivos, con menos cualificativos. Creo que é unha escrita menos barroca, máis simple. Facendo un pouco de autocrítica diría que a miña literatura anterior tiña ouropel de máis. No que estou traballando agora é en eliminar ese exceso. Pero non é fácil.
– LVG: A súa relación cos lectores ou co mundo cultural parece difícil. ¿Por que cre que é así?
– XCC: É unha relación de amor e odio. Hai xente que me quere ben e xente que me desquere moi ben. Como se non houbera termo medio. Pasa tanto cos libros como cos artigos. Co mundo cultural pásame igual, tamén é de amor e odio. Pero xa o teño asumido, parece que ten que ser así e non me preocupa.”

Ourense: actividades literarias destacadas do sábado 8 e domingo 9 na Feira do Libro

O sábado 8 e domingo 9 de xuño remata a edición de 2013 da Feira do Libro de Ourense (na Alameda, de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados:

Sábado 8
13:00 h. As marionetas do mundo e os mundos de Barriga Verde. Charla coloquio sobre os títeres galegos realizada por Comba Campoy, investigadora sobre a tradición de títeres galegos e Anxo García, titiriteiro e recuperador do espectáculo de Barriga Verde. Presentación do libro-DVD Morreu o demo, acabouse a peseta, publicados pola Asociación Cultural Morreu o Demo.
19:00 h. Teatro Antroido representa Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño, charla posta en escena entre a actriz Laura Ponte e o dramaturgo e fillo do autor, Roi Vidal Ponte.
20:00 h. Presentación do libro A máscara de Ulises, de Xosé Carlos Caneiro, publicado por Galaxia. Xunto co autor, participará no acto Víctor Freixanes, director da editorial.

Domingo 9
20:00 h. Presentación do poemario Viaxe sen cancelas, de Xesús Bermúdez Tellado, publicado por Redelibros.
20:30 h. Presentación do libro Nada se esquece, de Puri Ameixide, publicado por Redelibros.
A partir das 19:00 horas, os autores asinarán exemplares dos seus libros na caseta da Libraría Cartabón.

Santiago: concerto-recital de Xosé Carlos Caneiro e Emilio Rúa

O xoves 21 de marzo, ás 19:00 horas, no Centro de Innovación Cultural da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, terá lugar o espectáculo poético-musical Despois de ti, a chuvia, baseado no libro homónimo de Xosé Carlos Caneiro, coa presenza do autor e os músicos Emilio Rúa e José Gayoso.

Xosé Carlos Caneiro: “A literatura existe porque primeiro foi poesía cantada”

Entrevista a Xosé Carlos Caneiro en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): Neste libro [Despois de ti, a chuvia] reivindícase como poeta fronte aos que o sitúan só como prosista.
– Xosé Carlos Caneiro (XCC): É que eu son poeta. Os meus inicios na literatura foron na poesía. Levo, ademais, 25 anos facendo recitais poéticos en todo o país, en España e en Europa, mesmo en América. Eu síntome poeta, outra cousa é como me vexan os críticos literarios.
– LVG: E tamén reivindica a poesía como música.
– XCC: A poesía é música, ambas as dúas comparten a emoción como compoñente esencial. E a poesía é a orixe da literatura, que existe porque primeiro foi poesía, recitada e cantada. Non se pode obviar ese carácter esencial, porque o que estaríamos facendo é reducir a literatura a unha forma máis de ocio, e debe ser algo máis.
– LVG: Vostede xa fixera un disco, De bar en bar, no que recitaba os seus poemas sobre música…
– XCC: É un traballo diferente a este. Aquí hai composicións de Emilio Rúa, cheas de sensibilidade e emotividade. O mellor que ten é a súa achega. Eu sempre fago autocrítica, e gustaríame que algúns versos fosen mellores, máis traballados, para que chegasen dun xeito mellor ao corazón da xente. (…)”.