O xoves 4 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, terá lugar a presentación do libro Antón Reixa. Ghicho distinto de Xosé Cid Cabido e Manuel Xestoso, publicado en Xerais. Xunto aos autores, participan Xosé Manuel Pereiro, Antón Reixa e Manuel Bragado.
Entrevista a Xosé Cid Cabido e Manuel Xestoso no Faro de Vigo sobre Antón Reixa. Ghicho distinto, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Se me permiten Vdes. a ironía, tan complicada de abordar resulta a figura de Antón Reixa que facían falta dous autores para escribir este libro?
- Manuel Xestoso (MX): Non é unha fórmula infrecuente.A idea do libro nace dunha serie de conversas ocasionais entre nós os dous, nas que descubrimos que tiñamos sobre Reixa e a súa actividade poética puntos de vista complementarios: o do crítico e o do escritor.
- Xosé Cid Cabido (XCC): Por outra banda, a inxente produción do Reixa en campos tan diversos como a poesía, a música, o teatro, a videocreación, o cine, a produción audiovisual… non só fan aconsellable a combinación de dúas perspectivas, senón que sería unha faena cargarlle todo ese traballo a unha soa persoa. (…)
- FdV: Afirman no Limiar que a definición de “polifacético” é rexeitada até polo propio Reixa. Despois de escribir o libro, como definirían xornalisticamente (é dicir, con poucas palabras) a Antón? Valería algo así como “un renacentista dos séculos XX/XXI”?
- MX: Reixa, en certa medida, reflicte unha contradición moi propia do noso tempo: a do artista que pretende manter a súa condición de intelectual vangardista ao tempo que procura conectar co mercado e a cultura popular. Se cadra, habería que definilo como un ghicho do Calvario que quere ser un poeta de masas. (…)”
[blogaliza.org emitiu os premios ao vivo por qik.com]
ENSAIO, LITERATURA INFANTIL E XUVENIL, POESÍA, NARRATIVA, TRADUCIÓN, TEATRO, TRAXECTORIA XORNALÍSTICA E BLOG LITERARIO
Na celebración da Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega, foron entregados os premios á mellor obra publicada no 2009 nas modalidades de ensaio, literatura infantil e xuvenil, poesía, narrativa, tradución, teatro, traxectoria xornalística e blog literario, así como á institución que salientara na defensa e difusión da nosa cultura.
Os galardóns, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario.
Da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda polos asociados/as á AELG -coa participación dos socios/as de Gálix para elixir a mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil e dos membros do Colexio de Xornalistas para a modalidade de Traxectoria xornalística-, elaborouse unha listaxe de obras finalistas correspondentes a cada xénero dos mencionados, sobre a que os socios e socias emitiron de novo o seu voto nunha segunda quenda para elixir as obras gañadoras dos Premios AELG.
Unha vez computados os votos, os gañadores do Premio AELG ás mellores obras publicadas no 2009 son:
Ensaio: Xesús Alonso Montero, pola súa obra Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) (Xerais)
Literatura Infantil e Xuvenil: Agustín Fernández Paz, pola súa obra Luz do Senegal (Xerais)
Poesía: Luz Pozo, pola súa obra Deter o día cunha flor (Baía)
Narrativa: Xosé Cid Cabido, pola súa obra Unha historia que non vou contar (Xerais)
Tradución: Bartug Aykam e María Alonso Seisdedos, pola tradución da obra O museo da inocencia, de Orham Pamuk (Galaxia)
Teatro: Rubén Ruibal, pola súa obra Delimvois (Xerais/IGAEM)
Mellor traxectoria xornalística: Manuel Rivas
Blog Literario: Manuel Bragado, polo seu blog Brétemas
Institucións: Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
A Nosa Terra conversa co escritor galego Xosé Cid Cabido:
“Como sabemos, a organización de datos para crear un relato é sempre unha construción artificial, por moito que eses datos procedan dunha experiencia real. Sempre hai versións. E nesas versións hai un grao de distorsión da realidade, ou polo menos, sempre se detectan diferenzas de percepción. O que comprobas nunha investigación como esta é que as versións adoitan ser moi nebulosas en aspectos esenciais e moi precisas en cuestións completamente secundarias. Así confirmamos que a memoria posúe uns mecanismos que contribúen a construír o relato, a deformar os feitos de tal xeito que, claro, rematan por transformarse en ficción. A que a cada quen lle convén contar.” [Ler entrevista completa]